Apoio á ILP a prol da Sanidade Pública, promovida por SOS Sanidade Pública.


Anova – Irmandade Nacionalista apoia a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) promovida pola Plataforma SOS Sanidade Pública para deter a política de recortes e privatizacións da Sanidade Pública Galega (impulsada polo o actual Goberno Galego), para garantir o dereito constitucional á nosa saúde.

A Proposición de Lei, que se debate mañá, 18 de decembro, no Parlamento galego pretende a xestión pública directa dos centros sanitarios, a potenciación da Atención Primaria e a promoción da saúde como alternativa á crise e as áreas sanitarias como espazo para a planificación e a xestión dos recursos. 

Dende as asembleas de Anova do sur de Lugo apoiamos a ILP de SOS Sanidade Pública e a concentración cidadá diante diante do Parlamento (mañá ás 10 horas) para amosaer o apoio social á mesma.

Puntos da ILP:

1.- A defensa do carácter público da sanidade como garantía do dereito á Saúde de todos os galegos.
2.- A xestión pública e directa dos servizos sanitarios e o rexeitamento ás formas de financiamento e xestión privada introducidas pola Xunta de Galiza.
3.- A necesidade de incrementar a capacidade resolutiva da Atención Primaria mellorando os seus recursos e o acceso ás tecnoloxías diagnósticas, como base dun sistema sanitario accesible, equitativo e eficiente.
4.- Mantemento do modelo descentralizado do sistema sanitario galego a través das áreas sanitarias, como espazos para a planificación, asignación e xestión integral dos recursos en base ás necesidades sanitarias da poboación e coa súa participación activa.

ANOVA – SUR DE LUGO

Concentración en defensa dos postos de traballo no Parador de Monforte.

Anova do Sur de Lugo unímonos á protesta, xunto co deputado por Lugo de Alternativa Galega de Esquerda, Ramón Vázquez Díaz.

A concentración tivo lugar diante do Parador de Turismo de Monforte, pola defensa dos postos de traballo e contra o ERE que a empresa, Paradores do Estado, ten previsto aplicar nos establecementos de todo o Estado. 

O ERE anunciado prevé despedimentos, peche de instalacións e reducións horarias, como o caso de Monforte, no que se pretende pechar o parador durante 7 meses ao ano.

Dende Anova, consideramos que este é un golpe para o sector turístico dunha comarca economicamente deprimida e apoiamos a loita de traballadores e traballadoras do Parador de Monforte. 


A xornada de protesta enmárcase dentro do calendario de mobilizacións previsto en toda a rede de Paradores do Estado, que inclúe dúas xornadas de folga e concentracións en todo pais nos días de hoxe e maña día 8 de Decembro.

O grupo parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda defende a viabilidade dos Paradores e o seu carácter Público, considerando o ERE unha manobra máis para a privatización de todos os bens públicos do Estado.

Paradores despide traballador@s e pecha paradores.

O Parador de Monforte verase afectado pola medida

 
O grupo parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda presentou unha interpelación sobre o previsto peche dos paradores de Ferrol e Verín e o peche parcial dos de Santo Estevo, Tui, Monforte e Vilaba, así coma os despedimentos de traballadores e traballadoras nos de Baiona, Cambados, Pontevedra e Compostela, o que supón un novo golpe ao emprego e a dinamización económica de áreas significativas de Galiza que xa se atopan inmersas en moi graves dificultades económicas.

O grupo de Alternativa Galega de Esquerda esixe á Xunta de Galiza que asuma unha posición de defensa dos postos de traballo e dos nosos intereses sociais e económicos. Por iso, presentouse unha interpelación na que se pide a valoración da Xunta diante deste anuncio e información sobre o coñecemento previo que tiña dos peches e despedimentos anunciados, así como saber cales son as medidas que pensa adoptar o goberno da Xunta de Galiza en orde de evitar a destrución de postos de traballo e as subseguintes perdas económicas que se seguen no ámbito económico.