Denunciamos os recortes na atención á drogodependencia

A Unidade de Antención á Drogodependencia de Monforte padece este ano un recorte do 20% dos seus fondos.
As asembleas de Anova do sur de Lugo denuncian os recortes da Xunta na atención á drogodependencia – que afectan á Unidade de Atención á Drogodependencia de Monforte de Lemos – e presentan unha moción nos concellos en defensa dos recursos socio-sanitarios neste eido.
Monforte de Lemos, 16 de maio de 2013. 
A finais dos anos oitenta e inicios dos noventa, debido ao aumento de casos de persoas afectadas polas drogas e á presión e insistencia das “nais contra a droga” e de moitas asociacións e colectivos de todas as partes do País, a Xunta de Galiza tomou cartas no asunto á hora de atender aos milleiros de persoas mozas que xa estaban a padecer os efectos do consumo de drogas e que provocou en moitas vilas do noso país a desaparición de toda unha xeración, como dramaticamente vivimos en Monforte.

A implicación das distintas asociacións de loita contra a droga e do persoal técnico en prevención e de centros asistenciais conseguíu concienciar á cidadanía sobre os riscos que conleva o abuso destas sustancias e, así mesmo, crear un clima de rexeitamento do narcotráfico co obxectivo de conseguir atender dun xeito especializado ás persoas afectadas e crear redes e recursos de apoio ás súas familias e a reinserción das persoas ex-toxicómanas.

A Xunta de Galiza fixera unha aposta decidida poñendo en marcha o Plan de Galicia sobre Drogas que fai que a rede galega pase a ser un modelo non só no estado español senón noutros paises.

A rede de atención a persoas drogodependentes na Galiza está composta por 17 Centros Asistenciais, 8 Unidades de día, 3 Comunidades terapéuticas e 6 Unidades específicas de tratamento de alcoholismo, con máis de 350 profesionais en toda Galiza que no último ano atenderon a máis de 12.000 persoas drogodependentes.

Na comarca de Lemos existe unha Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD) sita no Concello de Monforte e que atendeu o ano pasado uns 320 toxicómanos/as dos Concellos da súa área de influenza.

Mais a pesar do traballo realizado polos profesionais deste ámbito con un dos sectores máis débiles da sociedade, estamos a asistir na actualidade a falta de compromiso da Consellería de Sanidade. Non se están a desenvolver as ferramentas lexislativas e de coordinación previstas no propio Plan de atención ás Conductas Adictivas e estanse dando sucesivos recortes no financiamento dos Centros Asistenciais e a eliminación do financiamento dos programas de prevención.

Na UAD de Lemos redúcese o importe da subvención autonómica ao redor dun 20 % , e en toda Galiza redúcese un 15,6 % sobre a cantidade percibida no 2012.

Esta situación vai por na corda floxa a toda a estructura da rede galega de atención ás drogodependencias creando incerteza sobre a continuidade de todos os programas que se están a desenvolver e que non garante, un ano máis, a continuidade das accións no ámbito preventivo.

Na moción que presentamos nos concellos dende Anova-Irmandade Nacionalista, solicitamos o apoio para:

Primeiro: Requerir ao Goberno da Xunta e a Consellería de Sanidade que garanta a continuidade e o financiamento dos recursos da rede galega de atención ás drogodependencias durante todo o período de vixencia do Plan de Galicia de atención aos Trastornos Adictivos (2011-2016).

Segundo: Requerir ao Goberno da Xunta e a Consellería de Sanidade que habilite as partidas orzamentarias eliminadas para o financiamento dos Equipos de Prevención das Drogodependencias dependentes dos Concellos e mancomunidades.

Terceiro: Requerir ao Goberno da Xunta e a Consellería de Sanidade a integración dos Centros de Asistencia a drogodependencias na rede sanitaria do SERGAS.

Cuarto: Instar ao Goberno da Xunta e a Consellería de Sanidade a que desenvolvan as ferramentas lexislativas e de coordinación establecidas no Plan Galego de Atención aos Transtornos Adictivos, que se cree una mesa de Coordinación integrada polas Consellerías de Sanidade e de Traballo e Benestar Social, as ONGs e Asociacións que interveñan neste ámbito, os sindicatos e partidos políticos para definir e coordinar a política da Xunta nesta materia.

Cuarto: Dar traslado deste acordo ao Presidente da Xunta de Galicia, á Conselleira de Sanidade, así como aos grupos parlamentarios do Parlamento de Galicia.


Asembleas de Anova do Sur de Lugo