Unha xornada reivindicativa da nación en Monforte

Na celebración do Día da Patria en Monforte: calor, rúas desertas, gran ambiente e inicio do que queremos que sexa tradición, un día da patria en Monforte con actividades participativas e onde, como dixo Xosé Lois García na lectura do "pregón" deste ano, "non falemos de siglas, senón de proxecto, de resolver oas problemas da cidadanía". Comezamos!
Deixámosvos a ligazón ao fermoso discurso que nos adicou Xosé Lois García.
Ademais, Diego Taboada leunos un artigo, Paula Vázquez Verao un poema e a música puxérona Os Parentes.


Festa do Día de Galiza en Monforte: o 21 de xullo, para todas e todos.

Lembrade anotarvos á Festa do Día da Patria en Monforte. Facede as reservas do xantar en asembleadelemos@gmail.com antes do xoves.

Teremos música e intervencións cívico-políticas, pechadas este ano polo escritor e historiador chantadino Xosé Lois García.

Festa do Día da Patria en Monforte o 21 de xullo


O Día de Galicia son todos”, Lesta Meis.
A festa maor de Galicia, a festa de todol-os galegos”, Castelao.


Galiza vive momentos de excepción, coa perda de conexións ferroviarias, a privatización da Sanidade pública, o deterioro do ensino no rural, a caída do sector naval, a ruína do sector leiteiro, a extinción das caixas de aforro e a estafa das preferentes... Familias enteiras malvivindo no paro ou dependendo de pensións ridículas ou salarios de miseria mentres sobe o prezo dos produtos básicos, cuns impostos que cargan sobre quen menos ten mentres os defraudadores – ata na propia Familia Real - campan ás súas anchas. Cun goberno que recorta no básico para pagar a débeda ilexítima contraida cos “mercados”.

A nosa comarca de Lemos esmorece sen oportunidades de emprego para a xente moza, sendo este un territorio fértil para os cultivos e fermoso para vivir e visitar.

A única saída é ou a emigración - e eses camiños son transitados por milleiros de xentes mozas – ou que tomemos conciencia da forza do pobo para transformar as cousas.

Dende Anova, seguimos crendo que o chamado de frente ampla que lanzamos o ano pasado polo 25 de xullo segue máis vixente ca nunca; unha fronte ampla contra a barbarie do poder, unha unidade de acción das forzas sociais e políticas, da cidadanía revoltada, contra todo o que nos esmaga, o que non é apenas un reto electoral, senón que se fai día a día entre as xentes “boas e xenerosas”, entre o 90% da sociedade esmagada.

É por iso que dende Anova de Lemos facemos un chamamento á cidadanía que sinta que Galiza ten dereito a decidir o seu futuro nun mundo xusto de pobos libres, a quen sinta que temos dereito a ser felices na nosa Terra, a unha celebración do Día da Patria no que o protagonista sexa o pobo, un pobo consciente de ser nación, e non apenas as expresións políticas do nacionalismo.

Dende Anova de Lemos, queremos contribuír a este obxectivo comezando a organizar para o domingo, 21 de xullo, unha festa do Día da Patria en Monforte de Lemos, aberta a quen desexe participar e colaborar na súa organización. Unha festa onde a protagonista sexa a cultura, os conflictos sociais abertos en Galiza, a música... en definitiva: o pobo soberano.

Unha das actividades será un xantar popular, para o cal hai que anotarse antes do 19 de xullo.

Tanto para colaborar na organización da festa como para anotarse ao xantar, cómpre enviar un correo a asembleadelemos@gmail.com ou chamar aos teléfonos 647576723 // 674473695

Saúde e Terra!