O ensino público a debate: charla-coloquio en Monforte: 7 de novembro

Anova quere contribuír ao debate sobre o ensino público:
- que está a pasar coa privatización?
- que atoparemos as mozas e mozos ao chegar á Universidade?
- está en perigo o modelo público de ensino?

Destas e doutras cuestións falaremos con dous representantes de dúas facetas da comunidade educativa: ensinante e alumno.

Acompañarannos Xosé Manuel Castro González, mestre de Filosofía e Historia no ensino medio, e Xosé Miguel Diéguez Rodríguez, estudante membro da Delegación de Alumn@s de Ciencias Xurídicas da UVIGO.

O debate será o xoves ás 20:15 h en Monforte, na Casa da Cultura.

Vivir no "país ribeirao": oportunidades e desafíos. Xornada práctica en SOBER



O vindeiro 10 de novembro teremos unha xornada práctica - compartida coa Mocidade de Anova - en torno ás oportunidades e desafíos que ten o noso rural.
Olería, viticultura, turismo, produtos tradicionais... 
Os obxectivos son coñecer as condicións de produción e a etnografía de produtos típicos do mundo ribeirao do interior galego e ver oportunidades de emprego da xente moza no rural a partires destes produtos, do cultivo ecolóxico e do turismo sostíbel.
Tamén coñecer algo máis o “país ribeirao”, como ámbito cultural ligado ao río Sil, ao cultivo do viñedo e á castaña nas zonas máis altas.
Pretendemos ademais irmanar zonas interiores do País (Terra de Lemos, Caldelas, Trives) con características socioeconómicas similares: baixa natalidade, poboación envellecida, baixos ingresos, o trauma do encoro... 
Ampliaremos información estes días.
Na xornada haberá un xantar, polo que cómpre apuntarse antes do 7 de novembro.
O prezo da xornada son 4 €.

Anova apoia as manifestacións contra a LOMCE


Dende Anova, reafirmamos o noso compromiso co ensino público, universal, de calidade e gratuíto. Porque sen igualdade de condicións de acceso ao ensino non hai igualdade real nin hai liberdade de pensamento.
Lembramos que para ANOVA a LOMCE (Ley Orgánica de Mejora de la Calidad Educativa) supón unha regresión de décadas no ensino público: unha lei inxusta, sexista, centralista e antidemocrática.
Esta aberración en forma de lei, elaborada sen consenso coa comunidade educativa, supón:
  • Desmantelamento do ensino público de calidade mediante un proceso de mercantilización do mesmo.
  • Segregación do alumnado, comezando pola segregación económica que supón a non gratuidade do ensino infantil, e a segregación sexista, por permitir os concertos educativos con centros que segregan por sexo. A posibilidade de “dereito de admisión” dos centros educativos, coa chamada “liberdade de elección de centro”, creará centos de primeira e de segunda en canto a recursos e calidade do ensino, fomentando ademais o ensino privado.
  • Modelo competitivo, coa reintrodución das reválidas, que a partir de 6º serán realizadas por “especialistas externos ao centro”, o que fomenta a privatización do ensino.
  • Eliminación da democracia na organización da comunidade educativa, transferindo competencias do Consello Escolar – que ficaría agora cun mero carácter consultivo – á Dirección.
  • En lugar de traballar contra as causas do fracaso escolar, créanse rutas de saída disimulada das mozas e mozos “fracasadas” do sistema con vías como a da “FP básica”.
  • Elitización do ensino superior, con maiores trabas para o acceso a este, tanto académicas coma económicas (suba de taxas…).
  • Españolización –reducindo a carga lectiva do galego, que non é troncal, como é o castelán ou o inglés– e centralismo.
  • Adoutrinamento reaccionario. Relixión como materia máis importante en rango que o galego e a filosofía e eliminación de materias que fomentan o pensamento crítico (Ciencias do Mundo Contemporáneo, Educación para a Cidadanía…).
  • Intento de introducir “coñecementos financeiros” no ensino, conforme a unha estratexia deseñada pola OCDE.
O deterioro do ensino público enmárcase nun proceso xeral de desmantelamento do “Estado do Benestar” e privatización dos bens e servizos públicos que arranca nos anos 70, proceso hoxe agravado coa aplicvación desta lei.
Dende Anova, reafirmamos o noso compromiso co ensino público, universal, de calidade e gratuíto. Porque sen igualdade de condicións de acceso ao ensino non hai igualdade real nin hai liberdade de pensamento. Ensino público é, polo tanto, democracia real.
Paremos a LOMCE! Paremos a expulsión das maiorías sociais do sistema educativo público!

Contra a suba do canon de Sogama

A Xunta planea subir o recibo do lixo, aumentando o canon que Sogama cobra aos concellos nun 40% .
O aumento supón 14 millóns de euros máis para Sogama e unha maior carga tributaria para a cidadanía galega. 
O Partido Popular ten previsto no proxecto de lei de Orzamentos para o 2014 unha suba do canon de tratamento do lixo na planta de Sogama dos actuais 55,91 euros/tm a 74,64 euros/tm, o que supón un incremento dun 40 por cento, que se trasladará ao consumidor no recibo do lixo e, por tanto, unha maior carga tributaria para a cidadanía.
[Moción de urxencia en Chantada contra a suba do canon de Sogama.]
A xunta de Galicia está a preparar un novo golpe aos petos da cidadanía, unha vez máis coa escusa da crise. Os cambios do regulamento do sector eléctrico van facer que SOGAMA vexa mermados nuns 13 millóns de euros os ingresos pola venda de enerxía que se xenera coa incineración de residuos.
Para tratar de apaliar esta merma a Xunta estuda aprobar unha suba do canon que esta sociedade privada lles cobra aos concellos o que vai supoñer que encareza aínda máis o recibo do lixo, este aumento pódese cifrar nunha suba duns 12 euros por familia. Unha cantidade que non a decidimos nós, son cálculos da propia Conselleria de Medio Ambiente e de SOGAMA. Se a sociedade ingresa uns 54 millóns ao ano por enerxía, e esta facturación baixa 13 millóns por mor dos recortes no sector enerxético, o canon terá que subir un 26 % como mínimo.
O presidente da Xunta xa confirmou estes datos porque os planos que manexa a empresa pasan por aumentar a fonte de ingresos máis doada, a que pagamos a cidadanía a través do canon, así compénsase o que deixa de ingresar polo negocio eléctrico.
Un novo ataque aos ás xentes do común, que vemos como segimos a ser os “paganos” dunha crise que nin provocamos nin nos enriquecemos con ela, como fan outros.
Non toca agora analizar polo miúdo o complexo mundo de Sogama. Están de actualidade as denuncias de contratos millonarios irregulares, despedimentos por falseamento de datos, vertidos tóxicos ao río Lengülle, ademais da pobre capacidade recicladora da planta e as emisións de substancias perigosas á atmósfera derivadas da incineración, ao que hai que sumarlle o escándalo na xestión dos residuos farmacéuticos do punto Singre, o que nos converteu durante máis de seis anos no vertedoiro ilegal de todo o Estado Español.
En setembro do ano 2012, hai escasamente 6 meses, a Xunta de Galicia, a través do seu Conselleiro de Medio Ambiente, Sr. Hernández, declarou, e hai hemeroteca dabondo donde comprobalo, que “A Xunta non se plantexa encarecer o canon, e menos no escenario actual. O sistema é sostible e viable financieramente”, e aquí é donde entran as dúbidas... nun escenario de crise para que non sufra a cidadanía ou pola proximidade das eleccións autonómicas, lembremos que se celebraron un mes despois, en outubro de 2012. Pois ben, non hai moitos días, a mediados do mes de marzo, o mesmo conselleiro, Sr. Hernández. di que “O momento é malo, pero o futuro de Sogama pasa por subir o canon. En seis meses! Que pasou? Ah si: cambiou o escenario... Xa non hai eleccións. Esta é unha nova “falta de respecto” do PP á cidadanía antes e despois dunas eleccións.
Que vai pasar.... as contas son doadas de botar, Canto paga cada fogar pola recollida do lixo? Se a esa cantidade se lle engade un aumento previsto do canon de ata un 40%... A canto ascende o novo recibo pola recollida do lixo?