Colaboración de Paula Verao para a publicación quincenal Encomún sobre o recorte de deputados que o Nuñez Feijoo pretende levar a cabo no Hórreo



A proposta do PP de reforma da Lei Electoral galega é unha cortina de fume que cambia todo para que todo siga (case) igual. A intención é reducir a importancia da Cámara de representación cidadá, minguar a representatividade, favorecer á forza máis votada e dificultar a aparición de forzas políticas novas. Esta medida non se xustifica polo “aforro”: reducindo en asesores do Presidente xa se descontaría a eliminación de escanos.

Modificar as regras de xogo democrático unilateralmente só pode ter como intención intentar gañar con leis o que xa se ten perdido na sociedade. Aínda que a nova reforma electoral non variaría substancialmente os resultados electorais obtidos coa actual, pois seguiría sendo igual de inxusta, si faría algo máis difícil o acceso das forzas políticas emerxentes. Ademais, ao reducir o número total de escanos beneficiará á forza máis votada á hora de atribuír os “restos” de votos a escanos, algo que pode ser decisivo en votacións con resultados axustados.

O sistema electoral vixente e a nova reforma do PP non son proporcional. A lei d’Hondt favorece ás forzas máis votadas, hai un fixo de escanos por provincia, teña a poboación que teña cada unha, e existe unha porcentaxe mínima de votos a acadar por circunscrición para poder obter representación (un 5% dende 1992). É dicir, é un sistema pensado para que as forzas minoritarias ou novas non poidan acceder ao Parlamento e usalo como caixa de resonancia das súas demandas e así non estar nas mesmas condicións que os grandes partidos, algo que se agudizaría coa reforma do PP.

Con esta norma, o PP só pretende desviar a atención dos graves problemas que as súas políticas provocan na cidadanía galega: a privatización da Sanidade, a perda de poder adquisitivo, o deterioro do ensino público... Sabendo que a maioría social está cada día máis agredida polas súas actuacións no goberno e que as enquisas no último ano fixeron caer ao PP en intención de voto, tratan de modificar a situación cunha medida tramposa: porque nin aforra nin aumenta representatividade. Pero, faga o que faga, o PP e os poderes financeiros aos que representa teñen perdida a maioría social e as vindeiras eleccións.

O nacionalismo galego debe defender unha lei electoral galega xusta na que Galiza sexa circunscrición única (ou ben cunha representación dos territorios acorde coa demografía), que cada voto valga igual, que o resultado das votacións reflicta con proporcionalidade pura o votado pola xente e que non sexa preciso acadar un mínimo de votos para obter representación.

Nun momento de creba de confianza nas institucións representativas non é tempo de negociacións sobre o número de escanos: hai que reformar de raíz a estrutura xurídico-política do Estado e que as cidadás e cidadáns protagonicemos un proceso constituínte onde elaboremos as nosas leis en base á democracia participativa. A nosa proposta para o pobo galego – plasmada no programa de AGE – é contribuír a un novo proceso constituínte “que recoñeza a plena soberanía de Galiza e o dereito á participación cidadá, que inclúa o referendo vinculante das leis ou o seu voto electrónico sen restrición de materia algunha” e unha nova “Lei Electoral xusta, que respecte os principios de pluralidade, proporcionalidade e representatividade.”.  A alternativa do PP é seguir afogando á maioría social e mantendo unha democracia que xa non é nin formal. A nosa alternativa é máis democracia e poder para a xente.


Paula Vázquez Verao é responsábel de Organización de Anova e Portavoz de Anova Sober.

Primeira fase de debate da militancia de Anova sobre as eleccións europeas


As asembleas de Anova debateron sobre o programa para as eleccións europeas. 

Nas comarcas de Lemos e Chantada, celebramos asemblea en Chantada, en Sober e de Anova de Lemos, ademais de termos unha asemblea comarcal previa de debate xeral, celebrada o 18 de decembro, na que "debullamos a información sobre contactos políticos dispoñíbel ata o momento para a conformación da fronte ampla nas europeas e a opinión maioritaria é que se debe seguir a intentar a configuración desa fronte ampla que poida derrotar ao bipartidismo no estado, comezando por chamar á conformación dun suxeito político plural en Galiza, e que sexa un ensaio de creba democrática co réxime político do Estado Español."

Íñigo Errejón en Galiza Ano Cero sobre procesos constituíntes: "para tumbar o réxime do 78 é preciso un bloque popular plurinacional que contemple o dereito a autodeterminación"


Íñigo Errejón fala sobre o proceso de des-constitucionalización que as elites do Estado Español están impulsando, rachando o réxime por arriba, contrario aos intereses populares. Fronte a isto, para tumbar o edificio institucional creado no 78 para frear un proceso popular, é necesario un bloque popular plurinacional que contemple o dereito á autodeterminación das nacións.

Neste momento de dictadura dos poderes financeiros internacionais - dos que as elites do Estado Español non son máis que monicreques - é preciso que a esquerda ocupe o espazo que perigosamente podería ocupar o populismo - tanto en sentido conservador como progresista -, o de resaltar a dicotomía entre as elites e a maioría popular.

En Europa, este espazo anti-elites está perigosamente ocupado polo euroescepticismo ultradereitista. Cómpre que a esquerda europea acumule forzas contra a Europa do Capital evitando que o sentimento anti-institución da UE, que representan o sometemento dos países do sur de da maioría popular aos podedes financeiros, sexa hexemonizado pola ultradereita.

Pero, para deter esta construción europea a favor dos poderes financeiros e contra as clases populares, é preciso ocupar o poder nos Estados, que a xente do común ocupe o estado para declarar ilexítima a débeda que esgana á maioría social. En Latinoamérica, previamente á integración rexional, acumuláronse forzas para tomar o poder do Estado. Precisamos o poder do Estado para cabar coa dictadura da débeda.
Precisamente, a cuestión da débeda ilexítima é "unha das fronteiras sobre as que construír unha identificación popular potencialmente maioritaria", sinala Íñigo Errejón.

A militancia de Anova decide sobre as eleccións europeas

Estade atent*s, que para a vindeira semana teremos asembleas en Lemos e Chantada para falar sobre as propostas programáticas para as eleccións europeas. Que Europa queremos?

A militancia de Anova decide programa e alianzas para as europeas nun proceso asembleario que culmina cun referendo. Neste momento, as asembleas están en proceso de debate programático.

Queremos conseguir a fronte ampla non excluínte nestas eleccións europeas e como ensaio da creba democrática do réxime que abra camiño a un proceso constituínte galego e á recuperación do poder para a cidadanía.

Tras esta primeira fase de debate que culmina nunha Conferencia Nacional en xaneiro, durante a primeira quincena de febreiro a militancia de Anova decidirá en referendo sobre as alianzas para as eleccións europeas.

Esta semana, haberá asemblea en Monforte (asemblea de Anova de Lemos) e o día 11 de xaneiro en Chantada. A de Anova Sober xa se celebrou.

Podedes descargar o documento a debate aquí: http://www.scribd.com/doc/193493385/Guion-de-debate-programa-de-Anova-EUROPEAS

5, xaneiro, 2014

Descenso de afiliacións á Seguridade Social, paro e perda de poboción: os "éxitos" de Nadal de Feijóo


No mes de decembro o paro rexistrado so aumenta en tres comunidades autónomas, entre elas Galicia. O descenso interanual do que está a alardear o goberno galego no noso país é inferior ao que está a experimentar o resto do stado onde a taxa e do -3,04 por cento mentres que en Galicia é do -2,77 por cento.

Pero, ademais, o descenso de persoas afiliadas na Seguridade Social é maior que o aumento do paro rexistrado, xa que son moitas a persoas desempregadas que non se rexistran nas oficinas de emprego dada a súa inutilidade e polo propio desánimo e desesperación que está a padecer a cidadanía.

O problema do desemprego segue a ser un drama no noso país para o que é preciso impulsar políticas urxentes e abandonar a liña publicitaria e mentireira que mantén o goberno de Alberto Núñez Feijóo que coa súa inacción e a súa constante manipulación dos datos non só demostra unha total falla de interese polo drama do paro e a sangrante perda de poboación, con máis de 15.500 persoas menos segundo os últimos datos publicados, senón que deixa en evidencia a incapacidade do seu goberno para facer fronte aos problemas reais da cidadanía do noso país.

Detrás das cifras, milleiros de dramas persoais.

Entrevista a Luis Eyré en Radio San Borondón (Canarias): "O proxecto de unidade da esquerda é un obxectivo irrenunciábel para Anova"

 

"A fórmula para tirar abaixo o réxime da Segunda Restauración Borbónica é a unidade de acción en torno a obxectivos concretos", afirmou Luis Eyré nunha entrevista realizada pola canaria Radio San Borondón encol da proposta de fronte ampla que Anova realizou para as eleccións europeas.

Nunha situación de descrédito da política - cultivado polo neofascismo, que xa está aí: reforma do código penal, recortes sociais... - cómpre que a cidadanía verifique que é posíbel ir camiñando cara unha ruptura democrática do réxime, impulsada pola propia cidadanía. As europeas son unha oportunidade de ensaio dese escenario, que cómpre artellar cos movementos cívico-políticos e dende as organizacións con credibilidade neste contexto de podremia da arquitectura xurídico-política do Estado Español. Así, "o esencial das europeas é que se vaian configurando polos de unidade para rematar dunha vez co réxime"

Cómpre rachar coa troika, e xa que Europa é a Europa dos Estados, a ruptura debe vir dos estados da periferia oprimida, así como de sectores da esquerda dos estados do centro. "Somos a maioría da poboación", cómpre unha alternativa das cidadás e dos cidadáns e das nacións.
A Anova correspóndelle intentar esa unidade de acción en Galiza. Euskadi e Catalunya están en procesos máis avanzados, e no resto do Estado cómpre que sexan os movementos sociais e as organizacións rupturistas quen impulsen o proceso.

Luis Eyré amosouse prudente ante as dificultades para a unidade ampla de toda a esquerda estatal, pero cun punto optimista na medida en que "a proposta de de Anova aínda non recibiu negativa rotunda de ninguén".

Cun programa de mínimos, é posíbel a unidade. Debemos pular por procesos constituíntes nas nacións que den lugar a un marco xurídico-político radicalmente democrático, onde as organizacións políticas non sexan cautivas do capital financeiro e dos oligopolios, onde se recoñeza o dereito á autodeterminación dos pobos. "O primeiro obxectivo é unha auditoría da débeda pública, para eliminar o pago da débeda ilexítima. O segundo, a derrogación inmediata das reformas laborais realizadas dende inicios dos 90. O terceiro, a activación inicial da demanda interna, co estabelecemento dun salario mínimo e dunha renda básica. O cuarto, o estabelecemento dun poder xudicial e unhas normas xudiciais que ataquen á corrupción estrutural, na que se persiga tamén aos corruptores."

Estamos vivindo unha situación análoga á vivida polos países de de Latinoamérica nos 80 e 90: o primeiro obxectivo é parar eso, parar o feito de que os gobernos son monecos de ventrílocuo da plutocracia. O primeiro é que "hai que paralos".

* Enlace aquí.