Non á represión sindical

Hoxe en Monforte concentrámonos nos xulgados contra a criminalización da protesta social, en convocatoria dos sindicatos.

‘Defender os dereitos da clase traballadora non é un delito”.

Amosamos a nosa solidariedade coas catro persoas que se atopan inmersas en procesos xudiciais por participar en protestas sen ter cometido delito algún e que foron condenadas, con sentencias firmes, a máis de tres anos de cárcere.

Defendamos os servizos do HULA


Hoxe, 26 de xuño de 2014, ás 20:30 h na horta do Seminario - MANIFESTACIÓN EN LUGO

- Precisamos o servizo de Hemodinámica as 24 h: os infartos ocorren en calquera momento do día, e as persoas infartadas da provincia precisan ser atendidas canto antes, e non tardar máis de 120 minutos en ir á Coruña.

- Servizo de Radioterapia no Hula: foi unha promesa do sr. Frijol incumprida. Xente da provincia de Lugo pasa horas en ambulamcia compartida para tratamento de 5 minutos na Coruña.
Para deter as penosas "rutas do cancro".

- Servizo de Medicina Nuclear, outra promesa incumplida.

Ademais, en Monforte precisamos cubrir as vacantes de persoal e reverter a privatización dos servizos informáticos.
Paremos, ademais, a privatización da esterilización e da alta tecnoloxía.

Sanidade Pública sempre!!!

[imaxes da concentración de onte en Monforte]


A xustiza recortada: acto aberto en Chantada

O venres 27 de xuño, dende Anova Chantada organizamos un encontro aberto con xuristas para coñecer as ameazas que pesan sobre a Xustiza, cada vez máis afastada da xente.

"A Xustiza recortada".
 
Ás 20 h no Hotel Mogay, coa presenza de: Luis Villares Naveira, maxistrado en Lugo e membro de Xuíces pola Democracia; José Manuel Fernández Varela, avogado e membro da Irmandade Xurídica Galega; de parte da Plataforma en Defensa do Partido Xudicial de Monforte virá Xaquín Martínez Fernández.

Moi interesante para comprender os ataques que sofre a xustiza e para facerlles fronte: que non nos recorten a xustiza!

Concentración: Galiza pola República e polo dereito a decidir. Monforte: 19 de xuño.


Chamamos á cidadanía a participar na concentración convocada para o xoves, 19 de xuño, ás 20:30 horas na praza de España de Monforte de Lemos, onde se celebrará un acto cívico con música e lectura de manifesto.

Asemade, animamos á cidadanía a aportar ideas de lemas e reivindicacións para o manifesto e a sacar a simboloxía reivindicativa ás rúas na xornada de "entronización" de Felipe de Borbón.

Organizacións que participaron na elaboración e apoian este manifesto: Anova – BNG – Espazo Ecosocialista – Equo – CIG (esta relación está aberta a futuras incorporacións). [actualizado: 17 - xuño - 2014]


Co anuncio da abdicación do Borbón Juan Carlos e a entronización do Borbón Felipe, o réxime intenta renovarse para que “todo siga máis ou menos igual”. 
A renuncia de Juan Carlos I non pretende outra cousa que salvar unha monarquía en descomposición e desprestixiada por numerosos casos de corrupción: queren poñer un novo rei en quince días sen contar coa opinión do pobo, a semellanza de como fixeron en agosto de 2011 coa reforma do artigo 135 da Constitución.

Estamos nun momento histórico cun modelo de constitución caduco e que agoniza. O ditador Franco, que encabezou en 1936 un levantamento militar e fascista contra a democracia, nomeou ao príncipe Juan Carlos como o seu sucesor en 1969. A monarquía actual é, polo tanto, herdeira daqueles que se levantaron contra a República constitucional, elixida nunhas eleccións democráticas. Juan Carlos, que nunca condenou a ditadura franquista, xuraba, daquela, lealdade ao ditador e aos “Principios del Movimiento Nacional” e falaba de “la legitimidad política surgida el 18 de julio de 1936”.

A monarquía é incompatíbel cun sistema democrático; é un réxime vitalicio e hereditario que non ten en conta a vontade popular porque o rei, como xefe do Estado, non é elixido polo pobo nunhas eleccións democráticas.

Estamos a prol da ruptura democrática e queremos decidir sobre o noso futuro. Partindo da existencia dunha realidade plurinacional, estamos por procesos constituíntes nas nacións do Estado, para que a cidadanía poida decidir sobre o modelo político-institucional territorial e escoller a forma do Estado, cara un modelo que garanta a igualdade, a xustiza social e a liberdade.

A comarca de Lemos ten unha forte tradición republicana, como se comprobou nas eleccións celebradas en 1931 e durante a II República ou na mobilización popular do sindicalismo agrario e obreiro, na IV Asemblea Nacionalista ou no labor das mestras e mestres republicanos. A sociedade da comarca de Lemos pagou de 1936 un alto prezo pola súa decisión de liberarse das cadeas.

Hoxe, recollendo ese legado, é hora de manifestar ese sentimento republicano e de defensa da democracia.

Porque o que chaman democracia non o é: democracia é ter garantidas unhas condicións de vida dignas e poder decidir sobre o noso futuro. Imos construír un mundo novo, gañar o noso futuro.

Lembramos, ademais, que a República é máis que unha forma de estado, é un xeito de relacionármonos na sociedade, é unha cultura onde todas e todos somos iguais e nos tratamos como tal: liberdade, igualdade e fraternidade segue a ser un lema necesario.

Por iso, porque o pobo queremos decidir, chamamos á sociedade a asumir que cómpre:

- unha creba democrática: participación popular no deseño dun modelo de estado ao servizo da maioría social, xusto e democrático.

- dereitos dos pobos a decidir, soberanía popular, coa apertura de procesos constituíntes nas nacións do Estado.


AGE esixe á Xunta que tome a iniciativa para garantir á viabilidade de Pórtico e os postos de traballo

 
É inexplicable que FOGASA esixa tres millóns de euros de garantía, dos que a empresa non dispón, condenando ao peche, que suporía 200 despidos.
Alternativa Galega de Esquerda (AGE) esixe á Xunta de Galicia que tome a iniciativa para garantir a viabilidade de Pórtico e mantemento do emprego na provincia galega máis castigada polo desemprego. A situación actual de Pórtico é un exemplo das políticas de emprego do PP. A empresa presentou concurso de acredores en xuño de 2013 despois de varios anos presentando perdas nos seus balances. Dende ese intre, conseguiu chegar a un acordo con todos os seus acredores, incluídos bancos e traballadores, con quen ten a maior parte da súa débeda. Os bancos aceptaron unha quita e os traballadores unha rebaixa do 7,5 por cento nos seus salarios e un ERE extintivo para 200 traballadores/as, a metade do cadro de persoal. Conforme ao Plan de Viabilidade aportou 1,3 millóns de euros como creto capitalizable, conseguiu compromisos de inversión e segue a buscar novos inversores.
Ante a imposibilidade de facer fronte ás indemnizacións correspondentes ao ERE extintivo, Pórtico acorda con Fogasa o financiamento das mesmas, segundo o Plan de Viabilidade e unha proposta de Convenio. A empresa presenta como garantía os seus bens inmobles, non tendo máis garantías que aportar. O valor dos bens inmobles é de 2.163.881 euros. O total das indemnizacións supón 2.486.000 euros, polo que corresponde a Fogasa anticipar a conta da empresa 1.940.443 euros que están garantidos polo valor dos bens inmobles entregados como garantía. Pero Fogasa resolve que Pórtico debe presentar garantías suficientes, non só para cubrir as indemnizacións do ERE, senón tamén a débeda salarial pre concursal, é dicir, unha cantidade igual a 1 mes de salarios máis finiquitos de toda o cadro de persoal que permanece en activo e que ascende a outro 1.391.547 euros. Segundo isto, Fogasa exixe a Pórtico que se quere manter a actividade da empresa e os postos de traballo debe presentar garantías por valor de 3.332.017 euros.

Para Alternativa Galega de Esquerda, toda esta situación carece de sentido xa que non se pode entender como nunha situación como á actual se pode pedir a unha empresa en crise 3 millóns de euros como garantía ou condenar ao peche definitivo existindo un Plan de Viabilidade. 

Pórtico entregou onte ao Fondo de Garantía Salarial (Fogasa) en Vigo unha taxación da marca que supera os 1,5 millóns  co que Fogasa debería darse por satisfeita, como sinalan as deputadas Consuelo Martínez e Eva Solla, que se reuniron onte co comité de empresa para coñecer de primeira man a situación a que se enfrontan. 

A Xunta leva meses de propaganda anunciando o seu Plan de Emprego, vendendo as marabillas da Lei de Emprendemento, o apoio á creación de empresas pero a realidade e que “mentres venden fume permiten que empresas galegas que crearon unha marca arraigada no pais pechen” tal e como denuncia Consuelo Martínez. 

O máis incrible para o grupo parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda como o goberno galego non te reparo algún en sumar 200 desempregados máis as xa de por si extensas listas do paro en Galicia xa que Pórtico non dispón desta garantía que lle impoñen para cubrir a totalidade dos 3,3 millóns de euros terá que pechar e será o Fogasa, sen garantía algunha, a que teña que asumir as indemnizacións da totalidade do cadro de persoal cun custo aproximado de 2,5 millóns de euros.

Acto informativo en defensa do partido xudicial de Monforte: venres, 4 de xullo

 

A comisión en defensa do partido xudicial de Monforte, na que Anova participa, decidiu celebrar un acto informativo o vindeiro venres, 4 de xullo, sobre a reforma do poder xudicial.
 
Este acto, que se celebrará no auditorio do Edificio Multiusos de Monforte ás 20:30 horas do venres 4 de xullo, está dirixido á cidadanía de todos os concellos do partido xudicial e ten como obxectivo difundir entre a veciñanza as consecuencias que tería a supresión do partido xudicial.

No acto participará o Decano do Ilustre Colexio de Avogados de Lugo, J. Félix Mondelo Santos.
 

Apertura dos comedores escolares galegos no verán: unha necesidade básica conseguida

 

Alternativa Galega de Esquerda consegue que a Xunta abra os comedores escolares no verán
 
* O Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade unha iniciativa presentada por AGE na que se insta ao goberno galego a poñer en marcha os convenios cos concellos interesados para poder usar as instalacións dos colexios en colaboración cos servizos públicos de benestar para evitar que os nenos e nenas pasen fame.

O grupo de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) celebra a aprobación por unanimidade da proposta deste grupo na que se instaba á Xunta de Galicia a manter abertos os comedores escolares durante os meses de verán. O deputado Ramón Vázquez destacou a necesidade de intervir de xeito inmediato e urxente ante o drama que están a vivir milleiros de familias no noso país que a unha semana do remate do curso escolar non saben que lles van dar de comer os vindeiros meses. Por este motivo, o grupo de AGE presentou unha proposición de lei para garantir que ningún neno nin nena pase fame durante os vindeiros meses de verán. 

Pese a que a intervención do grupo parlamentar do PPdeG no debate da iniciativa facía pensar no seu voto negativo, posteriormente chegouse a un acordo que posibilitou a aprobación por unanimidade de todos os grupos da Cámara o que sen dúbida é un importantísimo paso cando do que se está a falar é da infancia e de garantir que podan facer polo menos unha comida en condicións ao día. Deste xeito, o texto da iniciativa aprobada finalmente foi o seguinte: 

"O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a levar a cabo as medidas necesarias para evitar que ningún neno ou nena careza de alimentación ou sustento necesario por estar en situación de vulnerabilidade, poñéndose en marcha convenios cos concellos interesados, podéndose usar as instalacións dos centros educativos en colaboración cos servizos públicos de benestar"

Os datos obxectivos, expostos por Vázquez, evidencian a dramática situación que están a vivir 72.000 escolares en Galiza, que só acceden a unha comida en condicións ao día e é a do colexio. A propia comunidade escolar denuncia diariamente o importante incremento de casos de mareos, nenos que comen de xeito compulsivo nos comedores, pequenas que non poden xa nin levar merenda de media mañá ou baixadas no rendemento escolar sen más xustificación que a fame. Por iso, resulta indispensable que o Goberno galego deixe de negar a realidade e desmentir os datos de Cáritas -que alerta da cronicificación da pobreza- ou mesmo do Insitituto Nacional de Estadística -que di que un de cada catro menores galegos viven por debaixo do limiar da pobreza, se comece a traballar por atallar unha situación tan grave e dramática como a que están a padecer os pequenos e pequenas do noso país.

Convocatoria cidadá pola República: dereito a decidir

 
Convocatoria cidadá pola República en Monforte mañá, sábado 7 de xuño, ás 20:30 horas na praza de España:

- referéndum sobre a Monarquía.
- dereito a decidir dos pobos.
- procesos constituíntes dende abaixo.

Monforte, 7 de xuño, ás 20:30 horas na praza de España.

Ao noso chamado sumouse xente a título individual e apoian ademais de ANOVA, BNG e Equo-Galicia. Seguimos en contacto con outras organizacións que se poidan sumar á convocatoria.
Mañá, ademais, levaremos unha proposta de celebración dunha asemblea aberta en Monforte para preparar as vindeiras accións e mobilizacións.
Anova de Lemos e Sober

Por unha mobilización unitaria e cidadá nas comarcas de Lemos e Chantada: contra a Monarquía e polo dereito a decidir todo

Nos días pasados, as forzas políticas galegas de esquerda realizaron reunións para poñerse de acordo en mobilizacións conxuntas a prol do dereito a decidir sobre a forma de Estado.

A pesares de estas xuntanzas ser exclusivamente de cúpulas partidarias – e nin sequera se convocou a todas –, era un paso positivo cara a necesaria unidade de acción de todas as forzas democráticas pola ruptura democrática con este réxime político.

As conversas non xeneraron un entendemento por arriba, pero a dinámica social sí o está a propiciar por abaixo, con convocatorias unitarias contra a Monarquía e polo dereito a decidir en diversas vilas e cidadades do noso País.

Dende Anova das asembleas de Lemos, Sober e Chantada facemos un chamamento a todas as forzas políticas, sindicais e sociais, e a toda a cidadanía das nosas comarcas para acudir a unha convocatoria unitaria na fin de semana – propoñemos o sábado ás 20:30 horas – coas reivindicacións que nos unen, que non é máis que esixir democracia.

Para iso, iniciamos conversas coas forzas políticas da comarca que secundaron a mobilización do pasado luns para poñernos de acordo na convocatoria unitaria. De non acadarse acordo, Anova tratará de acudir a todas as mobilizacións cidadás que se convoquen e coas que concordemos; ademais, propón convocatoria para o sábado ás 20:30 h na praza de España en Monforte e ás 20:30 h na praza do Cantón en Chantada, cos lemas seguintes, que entendemos recollen unhas amplas reivindicacións sociais pola democracia:

- referéndum sobre a Monarquía.
- dereito a decidir dos pobos.
- procesos constituíntes dende abaixo.


Monforte de Lemos, 6 de xuño de 2014.


Democracia si, Monarquía non! Concentración en Monforte.


Viva Monforte! Concentración contra a Monarquía. "O pobo unido xamais será vencido".
A xente e forzas políticas e sociais de Monforte e comarca diron exemplo cunha convocatoria de unidade. Logo da concentración, marcha pola rúa Cardenal: "democracia si, monarquía non".


Unidade popular, ruptura democrática por abaixo e procesos constituíntes nas nacións do Estado!


Comunicado das asembleas abertas de Anova do sur lucense ante a abdicación do Borbón: unidade popular, ruptura democrática por abaixo e procesos constituíntes nas nacións do Estado!

As asembleas de Anova de Chantada, Lemos e Sober apoian todas as concentracións e manifestacións cidadás democráticas convocadas para hoxe, logo da abdicación do Borbón, e animan á militancia e xentes demócratas a acudir ás concentracións convocadas para esta tarde ás 20 h na praza de España de Monforte e na praza do Cantón de Chantada.

Anova do sur de Lugo considera que é o momento de unir forzas para propiciar unha ruptura democrática co réxime saído da Transición, herdeiro do Franquismo. Cómpre acabar coa podremia de todas as instancias do Estado – dende a Xustiza, cada vez máis alonxada da xente, ata a corrupción das instancias políticas e a sumisión dos poderes públicos ao poder financeiro, que esmaga á xente -. A única vía para conseguilo é a democracia: que a xente decidamos sobre todo o que nos afecta; que as nacións, como a galega, decidamos o que queremos ser.

Por iso, animamos ás forzas políticas e sociais democráticas das comarcas de Lemos e Chantada a amosar altura de miras e unírmonos pola consecueción do poder popular.

Como sinalaba Anova hai medio ano, “cómpren novas alternativas políticas, unha nova ferramenta dos e das nacionalistas galegas para intervir e incidir no proceso de fin de réxime cara a un novo ciclo político propiciado polo activismo da cidadanía. A aposta do nacionalismo, da esquerda e de calquera demócrata ten que ser por unha creba democrática coa segunda restauración borbónica, nun proceso protagonizado pola cidadanía e trasladado á instancia política polas forzas rupturistas que realmente conecten con esa cidadanía.
Na nación galega, un proceso constituínte impulsado polos cidadáns e cidadás galegas, pobo soberano, e trasladado á instancia política polo nacionalismo e por aquelas forzas que, sen seren nacionalistas, respecten o noso dereito á autodeterminación e o practiquen.”

Anova de Lemos, Sober e Chantada.
2 – xuño - 2014