Alternativa Galega de Esquerda reclama a dimisión dun conselleiro de Educación que recibiu 16 sentenzas contra as súas políticas


AGE pediu a dimisión do conselleiro de Educación, cuxas políticas de destrución do ensino público recibiron 16 sentenzas en contra dende 2009. As dúas máis recentes chegaron nos últimos días: a sentenza do Xulgado do Contencioso Administrativo nº2 de Compostela, que anula o concurso de traslado do profesorado, e a do Tribunal Supremo, que anula as subvencións a centros que segregan por xénero.

Ramón Vázquez subliñou que a sentenza do Supremo veu recoñecer o carácter anticonstitucional dunhas axudas que, ademais, vulneran a lei orgánica de Igualdade, do mesmo rango, insistiu, que a lei Wert á que se acolle o conselleiro para manter unhas subvencións que xa prohibira o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) en 2013. “O conselleiro é un delincuente reincidente, para eludir a sentenza do TSXG retirou os concertos nestes centros só nos primeiros ciclos e mantívoos no resto de ciclos”, dixo Vázquez. Estes cinco colexios que segregan por sexo e con vinculacións co Opus Dei atenden a 1.500 alumnos e reciben 3 millóns de euros públicos cada ano dende 2009.

Non hai argumentos pedagóxicos que sosteñan a segregación nas aulas. A política da consellería responde só a motivacións ideolóxicas na procura reaccionaria dun ensino católico. “Nestes anos os alumnos matriculados en relixión baixaron un 40%, pero os recursos que se destinan á área mantéñense”, dixo Ramón Vázquez. AGE denuncia as prácticas autoritarias dun conselleiro que actúa á marxe da lei, acurralado polos xuíces e que non representa a unha comunidade educativa á que está enfrontado dende case o inicio do seu mandato. 

Recortes de profesorado e respecto á legalidade no conservatorio de Compostela 
Abondando na denuncia destas prácticas, o deputado de AGE, Xabier Ron, explicou que a Consellería de Educación está chamando neste mes de xullo a distintos centros para anunciar que lles recortará o profesorado, sen deixar marxe de reacción ás direccións dos centros e sen facelo público para evitar a protesta da comunidade educativa.

Tamén AGE rexistrou unha iniciativa parlamentaria para que se restitúa a legalidade democrática no Conservatorio de Música de Santiago e se respecten os acordos do claustro, do consello escolar e da inspección que elixiron candidata para dirixir a institución. O conselleiro de Educación pasou por riba destes acordos e impuxo a dedo a un candidato menos votado pero que lle é politicamente afín.

Estas son as 16 sentenzas:

 1) 2009. Tribunal Superior Xustiza de Galicia 
Sentenza contra a prohibición de actos informativos e divulgativos nos centros

2) 2010. Contencioso Administrativo nº 2 Compostela Sentenza contra a ampliación do horario lectivo do profesorado das EOI

3) 2011. Contencioso Administrativo nº 2 Compostela Sentenza contra as restricións no emprego do comedor escolar polo profesorado

4) 2011. Contencioso Administrativo nº 2 Vigo
Sentenza contra os recortes Salariais xubilación anticipada

5) 2011. Xulgado nº 2 de Ourense
Sentenza contra o cese do director da residencia docente de Ourense

6) 2011. Tribunal Superior Xustiza de Galicia
Sentenza vacacións profesorado meses lectivos

7) 2012. Contencioso Administrativo nº 2 Ourense
Sentenza contra a sanción do director do IES de CEE por denunciar recortes no centro

8) 2012. Tribunal Superior Xustiza de Galicia
Sentenza contra o Decreto do Plurilingüísmo

9) 2013. Tribunal Superior Xustiza de Galicia
Sentenza contra a supresión da Licenciatura de Físicas en Ourense

10) 2013. Tribunal Superior Xustiza de Galicia
Sentenza contra o recorte salarial a profesorado de baixa por intervención cirúrxica

11) 2013. Tribunal Superior Xustiza de Galicia
Sentenza anulación subvencións centro segregadores

12) 2013. Contencioso Administrativo Pontevedra
Sentenza paga extraordinaria persoal docente non universitario

13) 2013.Tribunal Superior Xustiza de Galicia
Sentenza paga extraordinaria PDI universidade

14) 2014.Tribunal Superior Xustiza de Galicia
Sentenza recoñecemento médico profesorado

15) 2014. Contencioso Administrativo nº 2 Compostela Sentencia anulación concurso traslados profesorado

16) 2014.Tribunal Supremo
Sentenza anulación subvencións centro segregadores

No hay comentarios:

Publicar un comentario