Propostas de cambio para o rural galego fronte á resignación ao abandono que propón o PP


Antón Sánchez García presenta propostas de cambio para o rural galego fronte á resignación ao abandono que propón o Partido Popular.

“Galiza perde de media 10.000 habitantes anuais dende que goberna o señor Feijoo, e en parte esta crise demográfica, case  sen parangón en Europa, é debido ao abandono do rural, e compre unha mudanza radical para evitar a perda de patrimonio que se produce a diario neste país” sinalou o deputado Antón Sánchez. 

Pola contra sabemos que Galiza conta con grandes potencialidades neste contexto, para xerar futuro ao redor do fomento da agricultura de calidade, ecolóxica,das enerxías renovables, da explotación multifuncional do monte, e da mellora e rexeneración de vivendas abandonadas.

As alegacións ao Plan de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galiza 2014/2020 poden consultarse a seguir.




PRIMEIRA.--Lamentamos a ausencia dun proceso previo de elaboración participativo cos axentes implicados no desenvolvemento rural o que supón o incumprimento do mandato europeo do principio de partenariado. Este proceso de consulta cós axentes sociais e sectoriais aseguraría unha maior coherencia nas medidas e unha implicación e colaboración dos axentes implicados.
SEGUNDA.-Ante a situación concreta do medio rural galego e a transcendencia dos datos de despoboamento e abandono, bótase en falta unha estratexia xeral no PDR, no que non se especifican nin atenden moitos dos retos que afronta o rural galego, como o abandono do rural, o descenso da poboación agraria, o descenso continuado da superficie agraria útil, o abandono de grande parte da superficie de monte ou a falta dun sistema eficaz de I+D+I e formativo.
O que se presenta é unha serie de medidas desordenadas, inconexas, con pouca concreción e sen ningunha estratexia clara.
Óptase por unha continuidade crítica, cando os datos mostran que se debería afrontar un cambio profundo, cando menos nalgúns aspectos da política desenvolta nos últimos anos en Galiza.
TERCEIRA.- Realízanse afirmacións non sustentadas na análise dos datos e falta a análise sobre a evolución dalgunhos feitos (p.e. a avaliación dos resultados dos servizos de asesoramento, ou a previsión de incorporación de mozos e mozas agricultoras).
Maniféstase, por exemplo, que "o éxito acadado na execución da medida de cooperación para o desenvolvemento de novos produtos, procesos e tecnoloxías no PDR 2007-2013 alenta a continuidade no esforzo”, pero non existe, ou non se nos informa dos datos nos que se basea para afirmar esto. Fálase do éxito dos servizos de asesoramento pero non se aportan os criterios e datos que levan a esa conclusión.
CUARTA.- Existe unha insuficiente aposta financeira da Xunta de Galicia. O acordo sobre o cofinanciamento do FEADER por parte da Xunta, cunha redución do 50% na aposta orzamentaria das administracións con relación ao período anterior, supón unha perda de 322 millóns de euros, feito que, xunto aos tres factores arriba sinalados, non fai máis que confirmar a falta de vontade política dos ocupantes da Consellería cara o rural galego. Isto é máis evidente aínda cando se compara co esforzo feito por outras comunidades autónomas ou rexións europeas.
QUINTA.- Recoñécese como un problema que Galiza conte cunha superficie agraria útil moi inferior á media europea, inferior aos países do seu contorno e á media do Estado español, pero non se introduce un plano claro para mudar esta situación, cuestión que é moi preocupante porque a pesar de que en anos anteriores a Xunta de Galiza tense manifestado en similares termos, lembremos por exemplo o acordo do goberno galego co sector lácteo de dotar ás explotacións gandeiras de base territorial, nunca se levaron a cabo medidas efectivas para aumentar a SAU.
Propoñemos que se fixe un obxectivo mínimo dun incremento ate o 30 % da SAU.
SEXTA.- É moi rechamante que neste documento non se analice o impacto que vai a ter a fin do sistema de cotas no sector lácteo previsto para 2015 e se elabore un paquete de medidas para ese escenario, que debería incluír medidas coma a anteriormente citada de mellora da base territorial, medidas na transformación industrial e axudas financeiras coa finalidade de amortecer estes efectos.
SÉPTIMA.- Os datos aportados polo documento expresan que o 40% da poboación agraria galega atópase entre os 60 e os 65 anos de idade, e que polo tanto durante este período pasarán a ter a idade de xubilación.
Chama a atención que o obxectivo marcado para este período sexa a incorporación do 2,5 % das explotacións existentes.
O obxectivo que se marque para o período 2014-2020 non pode ser outro que, cando menos se manteña a poboación agraria, pero que aspire a incrementala.
O número de solicitudes de incorporación de mozos e mozas (informe COAG) en España experimentou un moi significativo incremento do 79% no ano 2012 respecto á media do período (2007-2011). Destacan crecementos como o de Asturias (317%), Murcia (182%), Aragón e Rioja (140%) e Castilla León (121%).
No caso de Galiza este incremento foi dun 36%.
Os 67 Millóns de euros presupostados no PDR 2014, tendo en conta a evolución das incorporación nas rexións similares a Galiza e da media española, parecen claramente insuficientes para unha estratexia que persiga cando menos manter a poboación agraria.
No período anterior (2007-2013) e cuns datos de incorporación de mozos moito máis febles, o presuposto era igual ao deste período.
A política de incorporación de mozos agricultores é, sen dúbida, a de maior incidencia en todas as políticas transversais do PDR, e especialmente importante para un territorio rural envellecido, con explotacións pouco competitivas e sen incorporación de mulleres nin renovación xeracional.
Este esperanzador incremento pode ser unha das grandes oportunidades para cambiar a tendencia regresiva e recuperar a vitalidade do mundo rural.
Compre elevar o obxectivo de incorporacións e proporcionalmente o orzamento para esta partida, e introducir medidas complementarias e necesarias para a incorporación de mozos e mozas á actividade agraria.
OITAVA.- En canto á montaña, malia incrementar o montante total das ICM con respecto ó período anterior, non se define ningunha estratexia para o territorio rural máis castigado polo despoboamento, falta de infraestruturas e servizos, envellecemento, masculinización, diminución de explotacións agrarias, etc. As comarcas de montaña teñen os índices máis críticos do rural galego (xa de por si castigado) en calquera destes indicadores. A esto súmase a supresión da cota láctea coa conseguinte liberalización do mercado para o ano 2015, o que supón unha especial ameaza para as explotacións situadas na montaña e que non se reflexa na literatura do PDR e moito menos nos seus presupostos, deixando a moitas explotacións de montaña nunha situación aínda máis vulnerable de cara os próximos 7 anos.
Por todo isto, parecería lóxico ter elaborado un subprograma temático para as zonas de montaña dentro do PDR, como aconsella o regulamento 1305/2013 para situacións especialmente delicadas. Ademais, a elaboración dun subprograma permitiría incluír unha estratexia contra o lume a base de fomentar a gandería extensiva.
NOVENA.- O presuposto para o LEADER, a ferramenta de desenvolvemento rural máis contrastada e apoiada pola Comisión Europea baixa á metade no caso galego, cumprindo escasamente o 7,08 % obrigatorio. Se, como debería de ser, continúan o mesmo numero de grupos asentados (31) o presuposto medio de cada un sería de 450.000 euros anuais, que significaría a imposibilidade material de sosterse tecnicamente os grupos, e como consecuencia o programa xeral de LEADER (como referencia os 11 grupos asturianos reciben de media 1 millón de euros anuais e os 16 de Midy-Pyrinees reciben algo máis de 1 millón de euros anuais).
A este lastre orzamentario hai que engadirlle os defectos xa detectados no período anterior, en que se destaca a nula autonomía dos grupos, a extrema burocratización (AGADER) e a falta de axilidade e liquidez para a provisión dos fondos comprometidos. En muitos casos os grupos estiveron sen cobrar os fondos de xestión do grupo, e as axudas para proxectos inversores quedaron conxeladas nas oficinas de AGADER ata obrigar a renunciar aos proxectos por parte de moitos inversores.
O PDR debería aplicar o MULTIFONDO (plurifondo) na Metodoloxía LEADER e incrementar as posibilidades de que en base a un programa de acción se dirixisen os fondos con maior autonomía dende cada grupo.
Que dende os grupos se defina unha estratexia que focalice os esforzos en determinadas liñas de actuación, evitando que as axudas se convertan en choiva fina sen capacidade de transformar a realidade dos territorios.
Deberíase eliminar a prohibición de que se financie con esta liña de axudas a produción agraria primaria.
DÉCIMA.- Nun eido que se considera fundamental para a consecución dos obxectivos de mellorar o valor engadido dos produtos agroforestais, a reconversión a unha agricultura sostible, o éxito das incorporacións de xente moza, o I+D+i e Formación, Galiza conta con seis centros de investigación agraria e forestal e dous campus agrario e forestal, así como 67 oficinas comarcais. Toda esta rede de apoio á formación de técnicos e agricultores so recibe ao redor de 28 M€, inferior ao presupostado no período anterior, co que xunto coa política de constante reducción de persoal e medios que a Xunta de Galicia ven realizando, lévanos á imposibilidade de cumprir cos obxectivos que se din perseguir, como son o da mellora da competitividade e aumento do valor engadido dos produtos.
Tampouco se corrixe o dato que se menciona sobre o feito de que Galiza está moi por debaixo da media europea e española en inversión neste campo.
En canto ao asesoramento, non existe unha análise que avalíe os resultados do sistema privado de asesoramento para tomar decisións en base a este análise.
En base á experiencia previa, concluímos que só o asesoramento público será capaz de cumprir cos obxectivos que se din perseguir, polo que debería incluír explicitamente a intención de reforzar o sistema público de asesoramento a través das Oficinas Agrarias Comarcais.
Débese explicitar o fortalecemento da investigación e formación agroforestais públicas para o período 2014-2020, dando un xiro de 180grados ás políticas de debilitamento e desmantelamento dos últimos anos. Sen o fortalecemento destes tres factores non hai futuro posible no rural galego.
UNDÉCIMA.- Na medida oito que incide no modelo forestal, as propostas concretas non se corresponden cun modelo que aumente o valor engadido das producións, a sustentabilidade, conservación da biodiversidade e da fertilidade dos solos.
As axudas do novo período deben de enfocarse cara unha xestión sustentable e multifuncional do monte, eliminando as axudas aos monocultivos do eucalipto, ou especies de crecemento rápido para biomasa, ou pasta de papel, xa que non son cultivos sostibles dende un punto de vista ecolóxico, e non achegan valor engadido e son pouco creadores de emprego e fixación no medio rural.
Interfiren negativamente con outros sectores fundamentais non futuro do rural coma o turismo, ou a agricultura familiar.
Deberanse dirixir as axudas cara madeiras de calidade compatibles e complementarias coa actividade agraria e turística.
Tería que haber unha programación onde paulatinamente se reducisen os gastos en extinción e aumentasen na mesma medida os gastos en programas de mellora do monte.
Non se diferenza, dentro do orzamento das medidas, o que se vai a destinar a prevención e o que se destinará a extinción.
Parece ser que unha vez máis apóstase pola continuidade de gastar cada vez máis en extinción, en lugar de remover os factores estruturais que provocan que os lumes sexan un gran problema de Galiza.
Deberá de haber unha aposta máis importante ao silvopastoreo.
DUODÉCIMA.- Na medida 10 de axudas agroambientais deberanse incrementar os módulos de axudas por ha nun 50%.
UNDÉCIMOTERCEIRA.- Polo potencial de crecemento que ten a agricultura ecolóxica en Galiza, cremos que o orzamento é insuficiente si se quere facer unha aposta importante por este tipo de agricultura que encaixa cos obxectivos ambientais, climáticos, valor engadido e creación de emprego.
No manexo sostible dos pastos eliminar o mínimo estabelecido de 10 has, xa que é moi elevado para as características das explotacións galegas.
Incluír no listado de razas autóctonas a galiña piñeira.
A axuda para reconversión é manifestamente insuficiente, ao igual que os módulos, que non están proporcionados á intensificar a actividade.
Como exemplo sinalar que ningunha explotación en ecolóxico de fruticultura, horticultura e viticultura chegaría sequera á metade do máximo que se establece.
UNDÉCIMOCUARTA.- Consideramos que o desenvolvemento de actividades económicas non agrarias son importantes para complementar no rural o tecido económico, pero incluír no PDR axudas para o establecemento de actividades empresariais non agrarias, o que é en realidade é desviar fondos do PDR para cuestións que deben de ser financiadas con cargo a outras partidas, e é un xeito de reducir os fondos para desenvolvemento rural.
UNDÉCIMOQUINTA.- Medida 7.2. O PDR non debe ser a vía de financiamento para a administración local na prestación de servizos obrigatorios, posto que se trata de fondos de segundo piar da PAC. Deben ir con cargo a fondos Feder ou a outro tipo de programas.
Na medida 7.6 de Patrimonio cultural e natural, novamente pretenden desviarse os fondos do desenvolvemento rural para cubrir a diminución de fondos das administracións públicas, desvirtuando os fins e obxectivos do mesmo. O mesmo acontece nas seguintes submedidas de Planos de desenvolvemento local e servizos locais.

No hay comentarios:

Publicar un comentario