Manifesto de SOS Sanidade Pública: a Sanidade Pública galega está en risco

En momentos coma este faise máis imprescindíbel sermos conscientes da importancia da Sanidade Pública. #sanidadepúblicasempre
Compartimos o resumo do informe que SOS Sanidade Pública está a distribuír.
Paremos a privatización!
 
Manifesto de SOS Sanidade Pública
A SANIDADE PÚBLICA GALEGA ESTÁ EN RISCO
A Xunta de Galicia está desmantelando o sistema sanitario público galego
 
Desde a chegada do Partido Popular ao poder na Xunta de Galicia están impoñendo medidas que deterioran a Sanidade Pública e favorecen os intereses das empresas privadas que se lucran a costa dos orzamentos públicos. Recollemos aquí algunhas das decisións impostas, que poñen en serio risco a continuidade do noso sistema sanitario.
-Están a provocar a descapitalización da Sanidade Pública: o recorte do orzamento sanitario en Galicia entre 2009 e 2014 foi do 12,3%, o que supuxo unha perda total de 460 millóns de euros; eliminaron 2.094 postos de traballadores sanitarios e pecharon 275 camas hospitalarias. Mentres, o 48,8% do orzamento sanitario foi parar ao sector privado, e só o 7,1 % foi para investimentos e funcionamento dos centros públicos.
-Cédenlle a multinacionais e fondos de investimento os servizos de planificación e xestión estratéxica da Consellería de Sanidade e do Sergas: a historia clínica e a receita electrónica, o sistema de citas -Call Center-, as telecomunicacións do Sergas, a loxística do sistema, o mantemento dos equipos sanitarios, a limpeza e enerxía, o servizo de catering dos hospitais, a adquisición de equipamento tecnolóxico, os servizos de protección radiolóxica, a esterilización do instrumental, a osixenoterapia, os servizos de ambulancias, a hemodiálise, o Centro Oncolóxico de Galicia, a investigación, desenvolvemento e innovación (I +D+I) e a formación.
-Os actuais gobernantes facilitan que a sanidade pública financie a investigación da industria tecnolóxica privada e dos laboratorios das multinacionais, e permiten que sexan éstas as que decidan os aparellos a adquirir polo sistema público. A través dos Institutos Biomédicos de Investigación do Sergas (Instituto Biomédico de Vigo e Instituto Biomédico de Santiago) a Banca e a Industria Sanitaria privada controlarán a investigación e a docencia e dificultarán calquera investigación que non estea de acordo cos seus intereses empresariais.
-Tamén privatizaron o Laboratorio Central de Galicia, a construción e xestión do novo hospital de Vigo (PFI), renovaron o concerto singular co hospital Povisa, manteñen a empresa pública de xestión privada Galaria, recortaron e privatizaron os Plans Directorios dos hospitais de Lugo e Ourense e paralizaron a ampliación do de Pontevedra.
-A Atención Primaria sufriu un recorte de 190,9 millóns de euros (se incluímos o gasto farmacéutico extrahospitalario), e de 33 millóns (sen a farmacia). Están a desmantelar as Áreas Sanitarias para crear unha Área Única que abarque todo o territorio galego coa finalidade de crear un mercado sanitario no que poderá participar o sector privado. O desmantelamento das Áreas está sendo utilizado ademais para recortar os hospitais comarcais no Barbanza, Monforte, Barco de Valdeorras, A Costa e Salnés. O mesmo ocorre cos centros de Saúde Mental, Planificación Familiar, Prevención e Atención á Drogodependencia, Asociacións de Pacientes e ONGs.
-As listas de espera experimentaron un incremento substancial de forma que en catro anos a espera cirúrxica media pasou de 71 a 83 días.

En resumo:
O goberno central cambiou o modelo sanitario e recuperou a figura do asegurado (vincula o dereito á atención á cotización e non ao feito de ser cidadán, poñendo fin á universalidade do sistema), e introduciu numerosos copagamentos, que sobrecargan as deterioradas economías familiares. O retroceso histórico é descomunal.
Mentres tanto, o goberno galego prioriza os negocios. Asfixia economicamente o sistema sanitario público, pero incrementa os concertos co sector privado (paralizando a actividade dos hospitais públicos -laboratorios, radioloxía, quirófanos- en horario de tarde). Ademáis privatiza o propio sistema e financia con diñeiro público a multinacionais, fondos de investimento, bancos e construtoras aos que lles cede os servizos de planificación, xestión estratéxica e investigación e desenvolvemento (I+D+I), o control e adquisición de novas tecnoloxías, a formación do persoal, así como a construción e xestión dos novos hospitais e centros de saúde.
Tamén introduce novas leis deseñadas para favorecer ao sector privado: Lei de Racionalización do Sector Público, que legaliza o patrocinio privado de todos os Servizos do Sergas e cede ao sector privado a doazón de sangue, a coordinación de transplantes de órganos e o almacenamento de células, tecidos e mostras biolóxicas; a Lei de Garantías de Prestacións Sanitarias que permite aos pacientes que superen certos límites de tempo (de 60 días de espera para intervencións cirúrxicas e 45 para consultas e probas diagnósticas) que poidan acudir a un centro privado cos custes pagados con diñeiro público; tamén privatizaron a xestión das baixas laborais por enfermidade, e crearon as Unidades de Xestión Clínica coas que pretenden fraccionar o sistema sanitario en múltiples empresas acollidas á Lei 15/1997.
O desmantelamento do Sistema Sanitario Público está promovido e alentado por unha gran alianza (Club Gertecht) integrada por directivos das administracións sanitarias que entran e saen da administración e das empresas (porta xiratoria), organizacións profesionais como a OMC, FACME, SEDISA, Foro da profesión e as cúpulas dalgúns sindicatos corporativos; apoian esta estratexia os laboratorios farmacéuticos, a industria tecnolóxica sanitaria e as construtoras, bancos e fondos de investimento que ven na sanidade unha oportunidade de negocio. Tamén están as aseguradoras, mutuas, auditoras, empresas de informática, grupos de comunicación, etc. que pretenden apoderarse dos recursos e da información sobre a saúde dos galegos para planificar as súas estratexias empresariais. Aínda que esta plataforma privatizadora conta con gran poder económico e institucional, a súa falta de respaldo social e profesional faina vulnerable. É necesario reforzar a Alianza Social e Profesional que representa SOS Sanidade Pública e desenvolver mobilizacións a nivel local e galego para frear esta estratexia de desmantelamento da sanidade pública. Por todo isto é preciso:
1.- Reforzar e ampliar, coa incorporación de novas organizacións sociais e profesionais, as Plataformas para a Defensa da Sanidade Pública que integran SOS Sanidade Pública.
2.- Elaborar un plan de traballo de SOS Sanidade que identifique os problemas e necesidades máis importantes que afectan á Sanidade Pública Galega, estableza prioridades e propoña un calendario de mobilizacións e outras actuacións para a defensa e mellora do sistema.
3.- Comezar a preparación dunha gran mobilización para poñer freo á privatización e recuperar os servizos sanitarios desmantelados e privatizados.

SOS Sanidade Pública
Galicia, setembro de 2014.


No hay comentarios:

Publicar un comentario